ibu

bolobolo

Dende o punto de vista do ibu particular, a función dos bolos consiste en asegurar a súa supervivencia, facer a súa vida agradábel, darlle un fogar ou acollelo cando está de viaxe. O pacto entre os ibus e o conxunto dos bolos (bolo'bolo) chámase sila.

Serie de extractos de bolo'bolo

#bolobolo

O ibu inda segue aí, que é o que quere? Confía nun pesadelo perfeccionado? Segue estando só, pero cre que pode escapar da súa soidade pechando acordos con “outros” catro mil millóns de ibus. Existen “eles” realmente? Un nunca pode estar seguro...

Así pois, o ibu xúntase nun bolo con outros 500 ibus aproximadamente. O bolo é o seu pacto básico con outros ibus, un contexto de vida persoal e directo. O bolo substitúe o vello pacto, que chamamos “diñeiro”. No bolo e ao seu redor os ibus reciben as súas 2.000 calorías diarias, aloxamento, asistencia médica, todo o necesario para sobrevivir e inda moito máis.

Nun bolo o ibu nace. pasa a súa infancia, é atendido cando está enfermo, aprende certas cousas, fai traballiños aquí e acolá, é consolado cando está triste, preocúpase dos outros ibus, perde o tempo, morre.

Ningún ibu pode ser expulsado do seu bolo. Pola contra, el mesmo pode abandonar en calquera momento o seu bolo e regresar de novo aló. O bolo é o fogar do ibu na nave espacial Terra.

Ningún ibu está obrigado a vivir nun bolo. Pode permanecer completamente só, formar grupos máis pequenos ou chegar a acordos particulares con bolos. Abonda con que unha gran parte dos ibus viva en bolos para que a economía monetaria xa non poda retornar. O autoabastecemento case que total dos bolos garante a súa independencia. Son así o cerne dunha nova forma de intercambio social persoal, directo. Os bolos son necesarios porque doutro xeito a economía monetaria rexurdirá por si soa.

Un bolo consta dos seus edificios de vivendas e obradoiros (sibi) e dun terreo agrícola (kodu), que xuntos garanten o seu autoabastecemento. A base agrícola pode comporse tamén de pasteiros, pastos de montaña, augas de pesca, zonas de caza, palmeirais, cultivos de algas, áreas de recolección, segundo as condicións xeográficas. O bolo é en gran medida autónomo no que se refire ao abastecemento de bens de primeira necesidade, sobre todo de alimentos. Tamén pode por si mesmo manter e reparar os seus edificios e máquinas. Para poder garantir a hospitalidade (sila) ten que estar en condicións de alimentar, a maiores, de 30 a 50 hóspedes.

O autoabastecemento non significa de ningún xeito illamento ou renuncia. Os bolos son pola contra centros dunha gran variedade de relacións cara fóra. Pechan acordos de troco con outros bolos e acadan deste xeito unha maior abundancia de alimentos ou prestación de servizos (ver: feno). Esta cooperación pode ser bi ou multilateral e non é planificada por unha organización central. Os bolos poden, xusto porque son autónomos, elixir libremente se queren ser más autárquicos ou cooperativos. O decisivo a éste respecto é o seu estilo de vida (nima). O tamaño dos bolos e o número de membros poden ser máis ou menos iguais en calquera lugar do mundo.

As súas tarefas básicas e obrigas (sila) son iguais en calquera lugar (...)

Serie de extractos de bolo'bolo

#bolobolo

No fondo só existe o ibu e nada máis. Máis o ibu é pouco de fiar, paradoxal e perverso. Hai só un único ibu, e, porén, fai como se houbese máis de catro millóns. O ibu sabe tamén que el mesmo inventou o mundo e máis a realidade, e con todo cre firmemente que estas fantasías son reais. O ibu podería ter soñado unha realidade agradável, sen problemas, pero teimou en imaxinarse un mundo miserábel, brutal, contraditorio.

Soñando urdiu unha realidade na que é arreo atormentado por conflitos, catástrofes e crises. Atópase escindido entre a embriaguez de felicidade e a tribulación, entre o entusiasmo e a decepción, entre a calma e o nerviosismo. Ten un corpo que cada día necesita 2.000 calorías, axiña se fatiga, ten frío, enferma e aproximadamente cada 70 anos é expulsado fóra de si. Complicacións puramente absurdas (...).

(...). Leis naturais, lóxica, matemáticas, as limitacións económicas e as obrigas sociais constitúen a fronteira da trampa da realidade. Posto que o ibu teima en soñar a súa propia impotencia, a autoridade procede de instancias externas ás que lles debe obediencia.

Serie de extractos de: bolo'bolo

#bolobolo

... bolo'bolo é o plural de bolo, sendo bolo unha palabra para un barrio cultural e socialmente reforzado. A palabra grega para este tipo de barrios é demos, unha comuna autárquica. Así, o termo democracia realmente significa “a orde dos barrios” ou “a orde do pobo” que é pre-organizada en barrios...”

Sobre o autor

P.M. (Zürich, 1947), novelista (entre outras obras, Weltgeist Superstar, 1980; AKIBA, 2008, Manetti lesen, 2012), ten escrito libros e artigos sobre temas urbanísticos, ecolóxicos e políticos (Subcoma, 2000; Neustart Schweiz, 2009; “The Power of Neighbourhood” and the Commons, 2014), cofundou cooperativas de vivendas (Karthago, Kraftwerk1, NeNa1).

bolo'bolo. Traducido ao galego por Almundena Otero. Editado por axouxere

Etiquetas: #bolobolo